venres, 17 de xaneiro de 2020

Que é Miña casiña, meu lar?


Durante este curso académico 2019 - 2020, o IES de Soutomaior desenvolverá o proxecto sobre valoración do patrimonio natural, artístico, cultural e inmaterial da contorna que leva por título "Miña casiña, meu lar". O proxecto vén de ser incluído no programa Plan Proxecta da Consellería de Educación.

A idea do proxecto é dar a coñecer ao alumnado o patrimonio de Soutomaior, establecendo vínculos cos bens patrimoniais e promovendo procesos para a súa protección. Se ben os eixos do proxecto Miña casiña, meu lar son o Camiño de Santiago portugués ao seu paso polo concello e o Castelo de Soutomaior como símbolo da vila, o alumnado traballará tamén outros puntos de interese turístico e, sobre todo, a valoración, coidado e respecto polo entorno.

Así, os obxectivos xerais do proxecto son:

- Levar a cabo un proxecto a nivel de centro cun enfoque colaborativo e práctico.
- Favorecer actitudes de respecto e valoración do patrimonio natural, cultural, artístico e inmaterial a través do seu coñecemento.
- Concienciar ao alumnado do valor do patrimonio lingüístico, histórico, artístico e cultural do Camiño de Santiago.
- Difundir o valor do patrimonio cultural existente na contorna do centro.
- Potenciar o traballo en equipo e fomentar o uso da lingua galega.

Estará implicado no proxecto todo o alumnado e profesorado do centro e se traballará por niveis a partir de eixos temáticos concretos:

1º ESO: Contorna inmediata. O espazo do centro e o seu coidado.
2º ESO: Patrimonio natural do Concello de Soutomaior.
3º ESO: Patrimonio inmaterial do Concello de Soutomaior.
4º ESO: O Camiño de Santiago.
1º Bacharelato: O Castelo de Soutomaior e María Vinyals, pioneira do feminismo.

Arrincamos!




Ningún comentario:

Publicar un comentario