xoves, 23 de xaneiro de 2020

Como estamos a reciclar?

Dentro do proxecto Miña casiña, meu lar, o alumnado de 1º ESO está a traballar sobre o coidado do noso patrimonio inmediato: o centro educativo e a súa contorna. Convencidos da necesidade de coidar os espazos, da redución de residuos e da importancia da reciclaxe, na mañá de hoxe recolleron imaxes de como quedan os colectores de residuos despois do recreo. Estas son algunhas das imaxes que pretenden modificar coas campañas que levarán a cabo nas próximas semanas:






venres, 17 de xaneiro de 2020

Comezo do proxecto en 1º de Bacharelato


Tamén o alumnado de Bacharelato empeza a dar os primeiros pasos no proxecto. Neste curso, están a traballar sobre o Castelo de Soutomaior e a figura de María Vinyals. 

Así, acaban de achegarse á vida de María Vinyals e a súa relación co Castelo de Soutomaior a través da lectura de María Vinyals, un talento rebelde, de Isabel Blanco, baixo a orientación do Departamento de Lingua Galega. 

O día 31 de xaneiro teñen programada unha visita guiada ao Castelo de Soutomaior e aproveitarán para ir pensando espazos para o xogo teatralizado que crearán para os compañeiros e compañeiras do centro coa colaboración do Departamento de Educación Física. 

O alumnado de 1º ESO comeza a traballar no proxecto

Dentro do Proxecto Miña casiña, meu lar, o alumnado de 1º ESO céntrase na concienciación para o mantemento dos lugares de uso público, incidindo na necesidade de limpeza, xestión de basuras e a reciclaxe como medio para o coidado do patrimonio. 

Dentro das aulas, os rapaces e rapazas xa traballaron co profesorado de bioloxía sobre "Reducir, reutilizar e reciclar" e prepararon a documentación sobre a reciclaxe no centro, pois serán eles e elas os responsables de levar a cabo accións para concienciar ao resto da comunidade educativa. 



En colaboración co Concello, comezaron as Brigadas Ecolóxicas, durante o Nadal, pensando e organizando intervencións que comezarán a realizar a finais deste mes durante os recreos. 

Nas clases de linguas, están xa preparando tamén as charlas que impartirán nas outras aulas do centro, desde 2º de ESO a 2º de Bacharelato. Está previsto que, unha vez rematados os textos, preparen o apoio audiovisual na clase de Investigación e tratamento da información.



Que é Miña casiña, meu lar?


Durante este curso académico 2019 - 2020, o IES de Soutomaior desenvolverá o proxecto sobre valoración do patrimonio natural, artístico, cultural e inmaterial da contorna que leva por título "Miña casiña, meu lar". O proxecto vén de ser incluído no programa Plan Proxecta da Consellería de Educación.

A idea do proxecto é dar a coñecer ao alumnado o patrimonio de Soutomaior, establecendo vínculos cos bens patrimoniais e promovendo procesos para a súa protección. Se ben os eixos do proxecto Miña casiña, meu lar son o Camiño de Santiago portugués ao seu paso polo concello e o Castelo de Soutomaior como símbolo da vila, o alumnado traballará tamén outros puntos de interese turístico e, sobre todo, a valoración, coidado e respecto polo entorno.

Así, os obxectivos xerais do proxecto son:

- Levar a cabo un proxecto a nivel de centro cun enfoque colaborativo e práctico.
- Favorecer actitudes de respecto e valoración do patrimonio natural, cultural, artístico e inmaterial a través do seu coñecemento.
- Concienciar ao alumnado do valor do patrimonio lingüístico, histórico, artístico e cultural do Camiño de Santiago.
- Difundir o valor do patrimonio cultural existente na contorna do centro.
- Potenciar o traballo en equipo e fomentar o uso da lingua galega.

Estará implicado no proxecto todo o alumnado e profesorado do centro e se traballará por niveis a partir de eixos temáticos concretos:

1º ESO: Contorna inmediata. O espazo do centro e o seu coidado.
2º ESO: Patrimonio natural do Concello de Soutomaior.
3º ESO: Patrimonio inmaterial do Concello de Soutomaior.
4º ESO: O Camiño de Santiago.
1º Bacharelato: O Castelo de Soutomaior e María Vinyals, pioneira do feminismo.

Arrincamos!